martes, 3 de abril de 2012

Cronica

Chegou o día ansiado: a ruta pola Fonsagrada, segundo os pronósticos pode chover e incluso nevar. Ás 8 en punto saímos de Ferreira e collemos algún compañeiro máis en Alfoz. A viaxe en autobús pasa con algunha diferenza no terreo da política no fondo norte. Unha vez feita unha parada técnica na Pontenova, dirixímonos ata Vilardíaz. A ruta parte do colexio de Vilardíaz; algúns preguntámonos se o colexio sigue en activo. Achegámonos para mirar e resulta que non, os últimos papeis son do 2009. Qué pena! Cantos recordos e vivencias quedarán para sempre nos seus adentros.

Empezamos a ruta xa pasadas as 10 con un pouco de fresco e con rachas de choiva intermitentes, mil a grazas a Medina por prestarme o chuvasqueiro. Xa é a cuarta ruta que facemos pola Fonsagrada, pero non deixa de impresionarme a beleza dos seus bosques autóctonos. A primeira parte tende á baixada, avanzamos lentamente ata que empezamos a camiñar en paralelo ao río Logares, para min esta é parte máis fermosa da ruta. As árbores están cheas de musgo, o río ten tramos de saltos de auga espectaculares e o camiño está provisto de barandillas de madeira que se adaptan perfectamente ao entorno. Seguimos ao son do río en varios grupos ata que chegamos á igrexa de San Martín, onde nos quedamos desorientados uns minutos. Unha vez que Ángel nos indica o camiño, ascendemos cara o punto de partida, este tramo faise duro: o camiño ten auga, as forzas empezan a fraquear...pero a certeza de que nos espera un cocido danos alas.

Xa no restaurante, vemos desfilar cacholas, lacóns, botelos e demais delicias do cocido. Necesitamos de mans expertas que nos axuden a cortar esas marabillas para poder meterlle o dente, grazas a Luminita por reducir a tamaño comestible esas fabulosas pezas. O cocido non decepciona, degustámolo mentres comentamos a ruta e como xa é un clásico a neve fai a súa aparición. Pensamos incluso que os do restaurante tiran dous ou tres sacos de poliespán para ambientarnos o cocido. Acabo de comer 20 minutos máis tarde que o resto da expedición...outro clásico.

Rodrigo Rodríguez Rubio